Traduce al gallego o a otro idioma

martes, 15 de septiembre de 2015

O APALPADOR VERSIÓN LANUXA

j


O Apalpador é unha figura mítica do Nadal galego case esquecida hoxe ante o arrumbe das tradicións foráneas de Papá Nöel ou dos Reis Magos. Mais os vellos das montañas do Caurel (Lugo) e outras zonas altas do rural de Galicia foron quen de lembraren como tremían de ilusión e inocencia infantil cando chegaba a noite do 24 de decembro e a familia os apremiaba a comeren todo i encheren ben o pipote porque de noite viría o Apalpador a comprobar si estaban ben cheos... E certamente chegaba, cos seus zapatóns de carboeiro, co seu saco cheo de castañas, fumando a súa cachimba de pau e deixando agromar tras a porta a súa barba vermella inconfundible... Chegaba e apalpaba os bandullos das crianzas emocionadas, que agardaban as benéficas verbas de fartura agoreira para o ano vindeiro: "Coma hoxe, así estarás cheo todo o ano". 




Había que esconxurar a fame de tódolos xeitos imaxinados, e non só en Galicia, porque en Asturias, no País Vasco, en Portugal ou noutros pontos da península ibérica contaban tamén con mitos similares do solsticio de inverno, que honraban ao calor imprescindible nesta estación mediante ritos de queima do tronco de Nadal, da búsqueda do carbón enerxético ou do reparto do froito seco que máis fame sacou do lombo das xentes en tempos, a castaña. 
Este boneco de lá quentiña quere ser unha modesta homenaxe lanuxa ao Apalpador que os nosos avós coñeceron i que oxalá os nosos netos fagan revivir. 
Transcribimos tamén a letra da cantiga do Apalpador e, de seguido, o enlace á interpretación desta polo grupo Malvela. 

Vaite logo, meu meniñ@                        
marcha agora para a camiña                   
Que vai vir o Apalpador                         
a apalparche a barriguiña                               
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha chea de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo


Enlace Youtube. Intérpretes: Malvela.

E tamén unhas estrofiñas aportadas polos Lanuxos:

Noiteboa entre as crianzas
haberá revolucione,
que baixa o Apalpadore
do monte, de faer carbone.

E virá coas súas guedellas
e coa súa barba vermella,
que o mesmo lume semellan
beilando entre cacharelas.

Repartindo boas castañas
pra ter o bandullo cheo,
que hai moita fame nas casas
e moi longo é o inverno.


No hay comentarios:

Publicar un comentario