Solsticia da invernía
Oronda coma panza de nai,
peitos de leite callada na ola
ao calor da lareira que bule.
Doce avoa cantigueira de tódalas barrigholas mantidas,
de tódolos contos cantados
que nutrirán a túa historia
e quentaránche os pes
cos pensamentos da infancia.
Bótalle unha brisca á vida,
un chopo á rutina
e un baile aos pesares
cada vez que neve fóra.
Pois a Solsticia da invernía,
meu ben,
baixará do monte branco
cos cabelos de lume
e as mans de castañas
apalparche as tripas.
Que nas atope baldeiras.
Endexamais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario