Traduce al gallego o a otro idioma

lunes, 24 de octubre de 2016

QUEIXO DE LÁ BOTANDO O ESCONXURO SEN XURO


Faltriqueiras murchas, baldeiras huchas;

vampiros bancarios e chuchacartos.

Ladróns desfiuzadores de vivendas,

de soños, de ilusións e de carteiras.

Brokers de maletín: rapiñas carroñeiras.

Políticos mercados ca nosa puta pasta,

que decretan mil e unha noxentas artimañas,

ata ter que ó Capital venderlle a ialma.

Xurro enxurrado, traballo a destallo;

pensións polas nubes, vellez ó carallo.

Activos tóxicos, opas hostís,

hipotecas vómito, rafting companies.

Pecañenta lingua de mal Parlamento

lambendo nas bragas do grande burdel,

mentres ve estoupar o orbe enteiro

e aturuxan Rajoy canda Merkel.

Tufo dos altos contratos blindados, 

a xofre cheiran conselleiros, notarios,

caspa de xuíz, baba mesta de alguacil,

e tódolos presidentes do puto FMI,

tanto os xa vidos como os por vir.

Forzas do Ibex, Eurostock, barril Brent!,

fóra do meu camiño e do meu niño!

Rameiras de mercado e de parquet!,

fóra do meu porquiño no San Martiño!

Porque non quero xuros polo conxuro,

nin imposto que grave o calostro,

nin SGAE de merda que estrague as festas,

nin Gayoso que nos mexe no lombo,

nin Méndez que nos caghe na frente,

e sigamos a dicer que xa chove de vez

nesta terra mol do derradeiro solpor.

Neste ano que se cumpren corenta e catro

do primeiro conxuro de queimada pronunciado,

alá por Vigo e polo mestre Avalo,

nesta xornada de Todos os Santos

imos tentar por unha vez de renovalo

esconxurando ó novo e fedorento diaño, 

que non é outro que: Don Carto.

Chámese xuro, stock opcion, interés,

só vos chero polo voso parné,

i heivos honrar así ghastés.

E cando vos chuche a médula,

heivos tronchar coma pau sec.




Letra: Sabela Latas





No hay comentarios:

Publicar un comentario