O espírito lanuxo só quería expresar coa súa existencia un xeito peculiar da vida máis cercana, máis tanxible e apalpable, menos divina e nada mística. Daquela, chantou no vórtice do seu espazo unha cachola de porco como símbolo atávico de que, para un galego, o primeiro, o último e mais o do medio sempre é comer ben e comer coñecido, da casa. Como di esa nosa lei de señores das moscas que somos: de morrer, morrer fartos. Á destra do tótem, a Nai, a Matriarca, a muller paridora, mantedora e criadora de vida, que tamén devén matachina chegado o momento da supervivencia dos seus. Á súa sinistra, o pai Apalpador, a enerxía baril do calor feito carbón, da madeira e da castaña como sustitutos imprescindibles das febles raiolas do sol nas longas, escuras e frías invernías.
Mais o espírito lanuxo tamén quixo acochar esta desacralizada escea coa maxia e coa ilusión inherentes a calqueira historia nosa. Por iso, as tres meigas magas traen, coma adoratrices, non do lonxano Oriente, senón daquí mesmiño, os feitizos benéficos e maléficos cos que a vida se encargará de salpimentar ao chou. E o que teña que ser, será.
Por último, o pobo, ávido de celebracións de que aínda respiramos, achégase con ledicia de gaitas a adorar ao presente e ao momento. A música ben requintada e os peixes pescados con suor i esforzo son dádivas ofrecidas a ningún deus, senón á única e material realidade da supervivencia diaria, para que siga xirando a roda da vida.
As presenzas lanuxas fóronse como viñeron: silentes, coloridas, atentas ao latexar dos tempos e dos ollos sabedores. E non irán a Belén nin a ningures adorar ningún deus. Espero que algo deles quede convosco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario