Traduce al gallego o a otro idioma

jueves, 18 de febrero de 2016

VIRXE DO CARME, SEREA DOS CANTOS



As sereas mitolóxicas foron sempre atracción fatal para os homes do mar cos seus cantos irresistibles. Só Eneas ou Ulises puidéronse sustraer ao seu enfeitizante poder i ser quen de escoitalas, eso si, amarrados ao pau maior do barco mentres as súas tripulacións remaban tapadas de ouvidos. 
A figura da serea, sen dúbida, representa para o ser humano a forza engaiolante do mar, da auga primixenia que fixo nacer a vida toda na terra, e deixarse levar por ela, é dicir, vivir, conleva asimesmo o perigo de morrer tentando coñecer os seus segredos balbucires. Na auga orixinal do nacemento é onde precisamente entronca o imaxinario popular co concepto feminino: a muller, a nai, o útero materno, o primeiro océano coñecido polo feto e o único protector no que vai vivir xamais. 
Aínda hoxe os mariñeiros son devotos ata a médula dunha especial serea que o Cristianismo soubo moi ben enraizar no sentir popular e quen non é outra que a Virxe do Carme. Se a serea peixe-muller destaca pola súa condición híbrida, e os seus atributos fundamentais consisten nos seus peitos sensuais e nos seus belísimos cantos hipnotizantes, mais truncado todo elo pola frialdade das súas escamas marinas; non é casual, daquela, que a Virxe do Carme sexa, en traducción etimolóxica do latín (carmen, carminis: canción, poema), a Nai dos Cantos, unha especie de serea cantora e benigna. É dicir, a virxe vólvese o trasunto positivo, maternal e protector do perigo que sempre representa o mar cheo de sereas. Ela e mailas súas figuras bendecidas con auga da pila eclesial son levadas en procesión tódolos 15 de xuño en milleiros de portos mariñeiros, momento en que a serea neutralizada e cuberta de mantos virxinais volve ás augas unha vez ao ano, tamén entre cantos que agora son salves entonadas polos homes dominantes da situación, e non por ela. Todo de xeito moi controlado, ata con cura polo medio, non vaia ser o demo que a serea volva ser a da mitoloxía e médrelle a cola debaixo da saia.

Adxuntamos un sinxelo poema propio sobre sereas e medos humáns.

Serea, sereíña,
cántame verbas adentro
e decántame o meu sino.

Faime teu cos teus dicires,
alalás do meu tormento;
faime escravo e faime libre:
afógame entre os teus peitos.

Serea, sereíña,
que a morte non me leve en seco,
pois nas túas augas sigo vivo.

Serea do Carme, Virxe de Versos
escumosos no bater dos tempos; 
matrona das ondas rimadas
que a todos nos atan i esganan:
mariñeiros en busca de atraque,
vagalumes na escuridade.