Traduce al gallego o a otro idioma

lunes, 24 de octubre de 2016

QUEIXO DE LÁ BOTANDO O ESCONXURO SEN XURO


Faltriqueiras murchas, baldeiras huchas;

vampiros bancarios e chuchacartos.

Ladróns desfiuzadores de vivendas,

de soños, de ilusións e de carteiras.

Brokers de maletín: rapiñas carroñeiras.

Políticos mercados ca nosa puta pasta,

que decretan mil e unha noxentas artimañas,

ata ter que ó Capital venderlle a ialma.

Xurro enxurrado, traballo a destallo;

pensións polas nubes, vellez ó carallo.

Activos tóxicos, opas hostís,

hipotecas vómito, rafting companies.

Pecañenta lingua de mal Parlamento

lambendo nas bragas do grande burdel,

mentres ve estoupar o orbe enteiro

e aturuxan Rajoy canda Merkel.

Tufo dos altos contratos blindados, 

a xofre cheiran conselleiros, notarios,

caspa de xuíz, baba mesta de alguacil,

e tódolos presidentes do puto FMI,

tanto os xa vidos como os por vir.

Forzas do Ibex, Eurostock, barril Brent!,

fóra do meu camiño e do meu niño!

Rameiras de mercado e de parquet!,

fóra do meu porquiño no San Martiño!

Porque non quero xuros polo conxuro,

nin imposto que grave o calostro,

nin SGAE de merda que estrague as festas,

nin Gayoso que nos mexe no lombo,

nin Méndez que nos caghe na frente,

e sigamos a dicer que xa chove de vez

nesta terra mol do derradeiro solpor.

Neste ano que se cumpren corenta e catro

do primeiro conxuro de queimada pronunciado,

alá por Vigo e polo mestre Avalo,

nesta xornada de Todos os Santos

imos tentar por unha vez de renovalo

esconxurando ó novo e fedorento diaño, 

que non é outro que: Don Carto.

Chámese xuro, stock opcion, interés,

só vos chero polo voso parné,

i heivos honrar así ghastés.

E cando vos chuche a médula,

heivos tronchar coma pau sec.




Letra: Sabela Latas





jueves, 20 de octubre de 2016

A MATACHINA

Évos ben certo que tódalas mulleres da casa participaban arreo na matanza do porco: carrexando, termando, limpando, cortando, salpimentando, apezando, cociñando roxós e carnes mortas ou aturando crianzas achispadas a medio camiño entre medoñentas e divertidas. Évos ben certo que a muller era ubicua ese día grande de mantenza de outono, e facer, tiña que facer un pouco de todo. Mais chantar o coitelo de aceiro na gorxa do marrau... ai, saca de aí, iso non o temos visto cáseque nunca facer a ninghuna das nosas avoas doces, delicadas e máis sutís ca o papel de fumar Abadie. Disque non lles daba o peito... disque...


Porque si había que matar un polo ou galiña, ou media ducia pola festas, segándolles dun tallazo certeiro o pescozo ata que o corpo descabezado saía correndo por fuxir daquelas amas treicioneiras que moitos meses lle deron interesado gran, entón non había ningún problema. Ou si había que esfolar lentamente, con aquel son arrepiante da pel esgazada, un belido coelliño branco entre dúas, ao tempo que facían lerias de comadres sobre cornos, casamentos, colleitas e outras herbas, tampouco pasaba ren. Coas bestas de menos de tres kilos, as vellas femias galegas non tiñan miramientos, non, pero co porco... Meu probe, si ata lle tiñamos nome... Si era mesmiño coma un cristiano, fóralle a ialma.



Por iso, desde Lanuxos, quixemos facer unha louvanza do espírito da Matachina que toda muller forte e vital leva dentro, porque para comer (proteínas polo menos) hai que matar, e despois lavar ben as mans e amamantar aos fillos e botar unha brisca. Co marrau non se atreveron moito, non, pero que non se fora con outra, xa vería el se non lle daban gañote elas mesmas. 



miércoles, 19 de octubre de 2016

FORA DE XOGO, PASPÁNS PREXUICIOSOS!!!


Porque xa estamos fartas dos equipos segregados da meirande parte dos deportes; porque non so é precisa forza para competir e gañar, senón saber aplicar en cada momento a habelencia, a rapidez, a axilidade, o traballo conxunto, a precisión, o ataque, a puntería... ; e porque aínda non coñecemos no pleno século XXI das nosas entretelas ningunha árbitra que chifre ben alto e forte en partidos de fútbol de primeira división, nin tan sequera de segunda, queremos facer unha lanuxa ben brava pola igualdade da vida deportiva entre sexos igualmente funcionais.

Tarxeta amarela aos prexuicios!!


Non ás apostas deportivas sen control de menores!
Non ás figuras máis sonadas do futbol (léase Cristiano ou Neimar, que xa teñen cartos dabondo) anunciando que apostan por Internet. Fanlles moito mal a moitos dos seus seguidores menores de idade. Tarxeta vermella!!