Traduce al gallego o a otro idioma

martes, 10 de mayo de 2016

MARIÑEIRAS SENLLEIRAS

Nen mulleres, nen curas no barco. Esta é unha das moitas leis tácitas ou non escritas, nen moito menos explicadas racionalmente, que rixen aínda na mentalidade da xente navegante, a cal abofé que adoita ser de xénero masculino. 

O pavor a un naufraxio sería o fundamento infundado para esgrimir sempre a tallante negativa a embarcar féminas ou sacerdotes a bordo salvo días sinalados de romaxes mareiras. Uns lles lembrarían aos mariñeiros os enterros aos que acudían e a arrepiante morte a carón da que andaban, e sobre elas... sobre elas, de antigo tense dito que una muller desnuda na cuberta atraía as treboadas, a excepción, claro está, dos voluptuosos mascaróns de proa tan en voga en séculos pasados.


Por este tipo de supersticións ou semellantes, chegamos ao segundo milenio cunha porcentaxe de menos dun 2% de tripulantes femininas na frota mercante española, e aínda moito menor se falamos da pesqueira. Aínda máis: moitos espazos terrestres de dominio mariño, como algúns portos _léase Cartaxena_, seguen a limitar ou prohibir o acceso laboral das mulleres que queren ser estibadoras, de xeito que as aspirantes teñen que criar plataformas de apoio ás súas lexítimas aspiracións profesionais (https://www.facebook.com/profile.php?id=100011316134849).


Esto non sucede, en cambio, na frota artesanal, na que a dona e patrona dunha lancha sae ao mar pescar baixo a súa conta e risco sen contar con absurdas andrómenas nen malfarios estranos que non sexan a fame que conxurar día a día co seu esforzo. Como exemplo, a carnotá María Expósito Regueira, referida no libro de Darío Xoán Cabana, Vidas Senllleiras, máis coñecida como a Mariñeira de Quilmas, que gañou a vida rabuñando peixes ao mar mentres enganaba á pacata sociedade feixista dos anos corenta facéndolle crer que o dono da súa gamela, o marido, aínda vivía escapado no monte. Se souberan que morrera, a absurda lei nunca lle tería deixado ser dona e patrona dunha embarcación. Lanuxos tamén quere homenaxear a bravas mulleres coma esta.