Traduce al gallego o a otro idioma

miércoles, 9 de marzo de 2016

LONGA VIDA AO POLBO DE NASA!

o
O polbo é unha das comidas máis enxebres e idiosincráticas do noso pobo. Cando mastigamos os seus tentáculos estamos revivindo a ancestral loita kraken-home, a pugna entre o medo humano aos temerosos monstros mariños engulebarcos e o noso afán de coñecer o abisal fondo dos océanos. Na festa da feira e con viño e pimentón de por medio, celebramos a victoria do segundo sobre o primeiro.
No imaxinario popular galego existen moitos maldicires acerca deste cefalópodo que sigue a amedrentarnos aínda morto, ben mazado ou cociñado. 


Por exemplo, tódalas mulleres preñadas galegas terán ouvido ás súas nais e avoas que as manchas moradas coas que nacen algúns bebés teñen a súa orixe nun descoido das xestantes no acto de se limparen os dedos ao mandil durante a aparentemente banal tarefa de limpar o polbo. A pegada do octopus vencido ameaza así desde o reino dos mortos coa vinganza de marcar de por vida i en calqueira parte do corpo (a faciana incluída) aos descendentes dos víctores mariñeiros que o capturaron. 

Tamén no momento de deleitarnos co seu sabor no prato non podemos baixar a garda xa que o polbo mantén viva a súa ameaza: que a ninguén se lle ocurra —sexa home, rapaz ou rapaciño— xantalo bebendo auga, pois sofriría tal hinchazón que podería levalo dereito á tumba dun suposto estourido das tripas. Este medo irracional din algúns que podería estar baseado ben no interese dos feirantes por vender viño e refrescos máis lucrativos que a auga da fonte, que era de balde; ben na costume de desecar os polbos como xeito de conservación i exportación a lonxanos destiños transoceánicos como Arxentina ou intercontinentais como Centroeuropa onde sempre había un bo fato de galegos dispostos a papalo. Ao deshidratalo previamente para un transporte menos gravoso, o polbo abofé que hinchaba de novo cando se lle botaba a auga para cocelo, pero... e se seguía a hinchar despois no bandullo???

A propósito do proceso de deshidratado do polbo, contan asimesmo cociñeiras de tradición e renome que o sistema era o mesmiño que se lle daba á roupa: tendelo con pinzas nos tendedoiros e mantelo así pendurado durante sete días e sete noites. Pero, ai! tendo ben coidado de que nese período non cadrara lúa chea, que daquela o polbo quedaría "aluado" e apodrecería sen remedio.

E, por suposto, as artes para pescar o noso sonado cefalópodo non podían deixar tampouco de aludir ao carácter misterioso do ser mariño que nos ocupa: non só se captura con nasa e cun barco propio chamado a polbeira, senón que hai quen emprega un espello ou cristal para atraelo cos reflexos dos que o presumido octopus gosta, e tamén quen o atrae na auga movendo cintas de cores vivas. 
Sexa como for, esta breve reseña de Lanuxos quere ser unha homenaxe a un dos seres más característico do bestiario galego, que sin ser animal de compaña, ben que nos presta na feira. 
Longa vida ao POLBO DE NASA!